Conde destaca a importancia da colaboración para que o tecido produtivo poida afrontar o reto da transformación dixital

Viernes, 5 Abril, 2019 - 14:45
  • O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, e o director xeneral de Xesgalicia, Fernando Guldrís, visitaron hoxe na Coruña as instalacións da empresa do sector audiovisual Cinfo
  • Coñeceron de primeira man os proxectos nos que esta compañía de referencia está a traballar no eido da intelixencia artificial e tamén dos avións non tripulados a través do polo aeroespacial de Rozas
  • O sector TIC galego xera 22.000 empregos e representa o 2,1% do PIB galego
  • A Xunta seguirá acompañando ao tecido produtivo para que as novas tecnoloxías cheguen a todas e cada unha das empresas galegas e para que a innovación sexa un dos seus elementos diferenciais

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, destacou hoxe na Coruña a importancia da colaboración entre administracións, universidades, centros de coñecemento e empresas para que o tecido produtivo da Comunidade poida afrontar o reto da transformación dixital.

Fernando Conde e Fernando Guldrís, director xeral de Xesgaliciavisitaron esta mañá as instalacións da empresa Cinfo, unha compañía de referencia no sector audiovisual, para coñecer de primeira man os proxectos que está a desenvolver no eido da intelixencia artificial e tamén no sector dos avións non tripulados a través da súa colaboración no polo aeroespacial de Galicia no desenvolvemento de novas solucións dixitais. Lembrou que hoxe se coñeceron as 16 iniciativas seleccionadas das que sairán as seis mellores propostas que participarán na primeira edición da aceleradora aeroespacial (BFAero).

O conselleiro felicitou a todo o equipo de Cinfo polos seus resultados positivos tanto en crecemento como en facturación e animou á empresa a seguir por este camiño, con proxectos que a axuden a posicionarse a nivel internacional. Neste sentido, o traballo de empresas como Cinfo contribúe a que Galicia logre o seu obxectivo de colocar ao sector TIC no mapa internacional para competir cos grandes centros de innovación. Este sector aglutina na Comunidade cinco centros tecnolóxicos e 3400 empresas que xeran 22.000 postos de traballo en Galicia e que representa o 2,1% do PIB. Unha industria que, ademais, concentra a metade da facturación e o 40% do emprego na provincia da Coruña.

O conselleiro trasladou que a Xunta seguirá acompañando ao tecido produtivo da Comunidade no seu proceso de transformación dixital, con ferramentas como a Axenda Industria 4.0 ou o Plan Galicia Innova 2020 co obxectivo de que as novas tecnoloxías cheguen a todas en cada unha das empresas galegas e para facer da innovación un dos elementos diferenciais da Marca Galicia: “Facilitaremos todo tipo de proxectos que permitan tender pontes entre coñecemento e empresa”, concluíu.