Os emprendedores de ViaGalicia presentan en Porto do Molle as iniciativas que compiten para incorporarse á aceleradora de empresas

sábado, 23 Xaneiro, 2016 - 10:30
  • Os impulsores dos 20 proxectos seleccionados na sede de Vigo expuxeron hoxe as súas propostas diante do comité técnico que seleccionará aos que accederán á fase de aceleración, que poderán contar con financiamento de ata 125.000 euros
  • O director de Xesgalicia, Juan Cividanes, lembra entre as ferramentas para impulsar o emprendemento os fondos Galicia Iniciativas Emprendedoras, XesInnova e I2C, que se suman á convocatoria aberta do programa Galicia Emprende, dotado con 3,7 millóns de euros
  • A maioría das iniciativas seleccionadas están centrados nas TIC ou parten das novas tecnoloxías da información para desenvolver produtos ou servizos en ámbitos como a saúde ou a alimentación

Nigrán (Pontevedra), 23 de xaneiro de 2016.- O director de Xesgalicia, Juan Cividanes, destacou hoxe os diferentes servizos e instrumentos de apoio que ofrece a Consellería de Economía, Emprego e Industria para facilitar o desenvolvemento de novos proxectos empresariais, durante a súa intervención na xornada de presentación dos 20 proxectos emprendedores seleccionados na sede de Vigo ao abeiro da actual convocatoria de ViaGalicia, impulsada conxuntamente pola Xunta e o Consorcio Zona Franca.

Cividanes lembrou o compromiso do Fondo Galicia Iniciativas Emprendedoras, co que se apoiarán os proxectos seleccionados en ViaGalicia, cos proxectos innovadores impulsados por novos emprendedores, e engadiu que nestes momentos está activada polo Igape a convocatoria para 2016 do programa Galicia Emprende, dotada con 3,7 millóns de euros en axudas para apoiar proxectos de creación de novas empresas ou investimentos en empresas de recente creación.

Máis de 300 proxectos emprendedores concorreron á vixente convocatoria de ViaGalicia. Foron seleccionados 40, 20 para a sede de Vigo e 20 para a sede de Lugo, que acaban de rematar a fase de academia, na que puideron dispoñer de formación e asesoramento experto para completar e mellorar o seu modelo de negocio.

A maioría dos proxectos presentados hoxe na Demoday desenvolvida no Centro de Negocios do Consorcio Zona Franca de Vigo están centrados nas TIC ou parten destas novas tecnoloxías para impulsar o desenvolvemento de produtos ou servizos en ámbitos como a saúde, medio ambiente, alimentación ou téxtil.

O comité técnico de ViaGalicia, do que forman parte Xesgalicia e a Axencia Galega de Innovación, deberá seleccionar agora os 15 finalistas que poderán participar no proceso de aceleración, que terá lugar nas instalacións de Porto do Molle. Este ano terán prioridade os proxectos que destaquen no eido do emprendemento innovador, centrado nos grandes retos da Estratexia de Especialización Intelixente de Galicia (RIS3).

Cada un dos 15 proxectos finalistas poderá acceder a financiamento por importe de 125.000 euros, dos que 75.000 serán achegados por Xesgalicia e GAIN, e os 50.000 restantes polo Consorcio Zona Franca a través da sociedade de capital risco Vigo Activo. Por outra banda, os proxectos seleccionados contarán con servizos personalizados de mentoring e un espazo gratuíto de coworking en Porto do Molle.

Ademais do Fondo de capital risco Galicia Iniciativas Emprendedoras e do programa Galicia Emprende e, a Consellería de Economía, Emprego e Industria mantén igualmente activados servizos de formación e asesoramento, así como outros instrumentos para financiar proxectos emprendedores, especialmente os de carácter innovador, como os fondos XesInnova e i2C; a Rede galega de investidores particulares, preparada para facilitar a confluencia de recursos públicos e privados; ou a liña de préstamos directos Jeremie.

Emprendedores de ViaGalicia
El director de Xesgalicia, Juan Cividanes, con los emprendedores de ViaGalicia en Porto do Molle