A Xunta destaca o esforzo da empresa coruñesa Centauri Biotech por ser pioneira na investigación de fármacos para veterinaria

martes, 6 Setembro, 2016 - 13:30
  • O director de Xesgalicia, Juan Cividanes, visitou esta mañá en Arteixo o laboratorio da compañía biotecnolóxica, onde investiga para a cura de enfermidades en animais
  • Sinala que a compañía é un exemplo das posibilidades de desenvolvemento do sector en Galicia

O director de Xesgalicia, Juan Cividanes, visitou esta mañá, no municipio coruñés de Arteixo, a empresa Centauri Biotech, da que destacou a súa vocación pioneira na investigación de fármacos e terapias con células nai para mellorar a saúde animal.

Tras a visita polas instalacións de Centauri Biotech, Cividanes destacou que a biotecnolóxica logrou un novo fito ao ser a primeira en Europa en comercializar en toda a Península Ibérica Enterostem, un tratamento único para a cura da enfermidade inflamatoria intestinal en animais, que desenvolveu en colaboración coas universidades de Milán e Estremadura.

A compañía tamén foi pioneira en España no desenvolvemento de tratamentos para a cura de lesións inflamatorias ou dexenerativas en tendóns, ligamentos ou articulacións así como fracturas complexas en animais. Tamén trata enfermidades xerais de alteracións do sistema inmune dos animais.

Cividanes subliñou que Centauri Biotech, na que colabora Xesgalicia, é un exemplo das posibilidades de desenvolvemento biotecnolóxico en Galicia, un sector que hoxe emprega xa a preto de 1.300 persoas na nosa comunidade.